Categorías
Artigos opinión Blog

Idadismo en tempos de coronavirus

idadismo defínese como a estereotipificación e discriminación contra persoas ou colectivos por motivos de idade. Considérase a terceira forma de discriminación en España por detrás do racismo e o sexismo. As persoas maiores son as que máis sofren este tipo de discriminación.

Pero… ¿non estaremos exaxerando? O idadismo atópase tan arraigado na nosa sociedade que pasa totalmente desapercibido.

Fagamos un sinxelo exercicio. Se pensamos nunha persoa maior ¿que imaxe nos ven á mente? Posiblemente unha imaxe repleta de estereotipos: fraxilidade, falta de autonomía, improdutividade, falta de credibilidade, etc. Considerar que o colectivo das persoas maiores é homoxéneo e ten un perfil determinado é idadista.

Cada persoa ten as súas características diferenciadas: hai maiores independentes, outros requiren axuda de terceiras persoas, maiores que viven en residencias, maiores que viven en soidade, maiores en parella, sedentarios, maiores que practican un envellecemento activo, que continúan participando activamente na sociedade, maiores heterosexuais, maiores LGTBI, maiores que son avós, e outros que non o son, maiores sexualmente activos, etc. Un listado interminable, e o único que poden ter en común estas persoas é que son maiores de 65 anos.

E a crise do coronavirus ten evidenciado aínda máis este idadismo. E para rematar de desenmascaralo poñamos algúns exemplos que podemos ver ou escoitar a cotío.

Nalgún momento desta crise sanitaria apareceu publicado que «no caso de colapso sanitario teríase que acudir a criterios de idade dos pacientes para acceder a determinados recursos asistenciais». Esta afirmación é totalmente idadista xa que supón unha discriminación por motivos de idade evidente e a privación dunha serie de dereitos esenciais como son o dereito á vida, o dereito a un trato digno e igualitario e o dereito á asistencia sanitaria. Pensemos agora nunha persoa maior accedendo a esta información… seguramente sentirá que a sociedade opina que a súa morte é un mal menor e que a súa vida non vale tanto como a doutras persoas que se atopan nun ciclo vital distinto ó seu.

Outro exemplo de idadismo sería a presenza nos medios dos casos de coronavirus nas residencias de persoas maiores.

O modelo actual dos centros residenciais amosou carencias previamente á crise. O persoal e as asociacións de familiares de residentes denunciaron publicamente incumprimentos de convenios, ratios de persoal escasas, etc. Carencias que non tiveron apenas repercusión mediática. Amosar día tras día o número de falecidos ou contaxiados nestes centros xera incerteza e desacougo nas persoas maiores que neles residen, nos seus familiares e incluso nas persoas maiores que se atopan nos seus domicilios. É certo que o modelo actual require unha revisión a fondo, pero vitimizar ó colectivo de residentes é unha forma de discriminación, xa que redunda no estereotipo de fraxilidade e falta de autonomía.

Por outra parte, o bombardeo de mensaxes negativas sobre a esperanza de vida destas persoas xera un forte impacto emocional, afectivo e psicolóxico.

E dito isto…¿como podemos loitar contra o idadismo?

En primeiro lugar, mudando a idea de «persoa maior» que a sociedade e a cultura nos ten imposto e superar os estereotipos que inflúen negativamente no cumprimento dos seus dereitos como persoas.

En segundo lugar, buscando alternativas ós recursos para maiores xa existentes.

O informe HelpAge Internacional España relativo á discriminación por razón de idade (IMSERSO, 2019) inclúe como recomendación: «ofrecer fórmulas residenciais distintas as actuais formas de institucionalización (vivendas interxeracionais, cohousing, etc.)».

Poñámonos en marcha e busquemos esas novas formas de convivencia. E o máis importante, reivindiquemos a voz das persoas maiores, que participen na toma de decisións, xa que é o colectivo máis afectado por esta crise. As súas aportacións son valiosas, escoitémolos.

Imaxinemos como sería se hoxe foramos persoas maiores e mudemos as cousas. Porque todos seremos maiores, loitemos contra o idadismo.

Victoria Abadía Calpena

https://www.pontevedraviva.com/opinion/5517/idadismo-tempos-coronavirus-victoria-abadia-calpena/

Categorías
Blog Os nosos Top Ten

Cohousing en Viena

Nesta sección poderás ver exemplos de cohousing que a nós, nos teñen cautivadas ou cautivado!.

María Pierres. Os seus top ten…

Hoxe a nosa compañeira María Pierres, unha das arquitectas do grupo Cohousing Galicia, nos relata porqué este cohousing en Viena é un magnífico exemplo para ter vivido e pasado este confinamento polo COVID-19.

A destacar: Se esto fose Eurovisión…diría eso de «Austria….twelve points!» . Este cohousing en Viena gústame porque o ten todo, ou case todo, …vexamos!

  1. A cafetería na parte baixa onde podería mercar o pan, almorzar coa miña nai…
  2. Unha área de xogos para os pequechos (meu neno de 3 anos gozaría nestes intres con ese mini parque para brincar),
  3. A terraza…menudo luxo de espazo!, con herba da de verdade…
  4. A zona da biblioteca, para compartir lecturas, libros e opinións
  5. A sala de reunións no baixo…que permite a participación de xente de fóra da comunidade e o fomento de actividades por parte das persoas usuarias do edificio
  6. A zona de horta
  7. A sala de ioga na cuberta, aummmmm…e na que tanto disfrutaría a nosa compañeira África Rodríguez.😁
  8. Eses balcóns-terrazas individuais que permiten a conversa co veciño sen incomodar a súa privacidade,
  9. O almacén comunitario de bicis e monopatíns….
  10. A cociña comunitaria…para compartir os cafés, as comidas, os cumples!
  11. As vistas…ter un espazo libre urbano tan amplo na fronte do edificio lle otorga sen dúbida unha calidade maior á propia edificación.
  12. E xa para rematala.. contar co despacho de arquitectura xa no baixo, eso é o que fai que sexa un «twelve points» absoluto !

A mellorar: Pois penso que neste caso pouca cousa…tal vez os corredores interiores algo máis amplos, con esto do coronavirus haberá que pensar seriamente en ampliar medidas mínimas neste tipo de espazos, para permitir o cruce seguro das persoas…

E para mostra un bóton… aí tedes un video que demostra porqué a nosa compañeira arquitecta quedou tan positivamente impresionada con esta edificación austríaca.

Desfrutádeo!

AT02_Co-Housing – Wohnprojekt Wien from Simon Prize on Vimeo.

Que é Cohousing?

O cohousing ou covivendas son comunidades intencionais de persoas que se unen para convivir de forma colaborativa.

A pesares de non existir un modelo único de cohousing, podemos falar dunha serie de factores comúns presentes en toda iniciativa de cohousing:

  • A comunidade decide ónde, cómo e con quén vivir.
  • A diferencia doutro tipo de edificacións, no cohousing a parte comunitaria cobra especial importancia e relevancia.
  • Son vivendas baseadas na sostibilidade social, pero tamén na económica e construtiva.
  • Adoitan ser de iniciativa privada pero tamén existen exemplos que parten do público.
  • É un modelo contrario á especulación, onde a accesibilidade á vivenda é un dos seus valores máis primordiais.
  • A xestión de todo o proceso adoita estar en mans dunha asociación ou cooperativa que comparte os mismos valores e obxectivos.

Falsas crenzas:

  • Non é un modelo novo. Leva máis de 40 anos implantado no Norte de Europa e son xa centas as experiencias non só por toda Europa e resto do mundo, senón incluso en España.
  • Non é só para persoas maiores. O cohousing é un modelo ampliamente empregado en comunidades onde convive xente de todas as idades, pero tamén para colectivos con especificidades moi concretas, como pode ser o colectivo LGTBIQ.
  • Non resta privacidade. Calquera usuario dun cohousing gozará sempre dunha unidade de vivenda totalmente independente, e a esta engadirá moitos servicios comúns, tantos como a comunidade decida e convenie previamente.
  • En Galicia non funcionaría. E logo?? Será que en Galicia non sabemos o que é a colaboración e o apoio da veciñanza nas matanzas do porco, na pesca artesanal, nas mallas, nas festas!??. Temos a mellor das terras, a mellor das sementes, tan só precisamos do pulo!

Quen somos?

O equipo de Cohousing Galicia está conformado por un grupo de persoas de diferentes perfís profesionais e campos de traballo, como é o da arquitectura, o traballo social, a economía colaborativa, o asesoramento legal e a dirección e motivación de equipos.

Cunha ampla e contrastada experiencia cada unha delas no seu campo xuntan forzas para levar a cabo a tarefa de inspirar, ilusionar, guiar e asesorar a aquelas persoas que soñan con crear en comunidade a vivenda na que compartan non só servizos, senón tamén valores comúns.

Qué nos move

Aportar os nosos coñecementos para implementar no noso territorio novas respostas habitacionais que permitan non só o acceso a unha vivenda a un prezo asequible senón a desenvolver tipoloxías de edificacións comunitarias que permitan novos modos de relación e convivencia.

Categorías
Artigos opinión Blog

«Solo society», novos modos de habitar.

A  nosa vida, tal como a entendíamos, parece estar hoxe en fóra de garantía.

Se durante anos vivimos gañando a batalla ás enfermidades que xurdían, desentrañando as súas complexidades, os seus misteriosos comportamentos, hoxe unha ameaza demasiado real nos leva pasos cara atrás e nos fai vítimas dun modo de vida que aparentemente se adaptaba  ó sistema, pero tal vez non tanto a nós.

É ben sabido que os cambios sociais non sempre levan as mesmas velocidades, e ultimamente o cambio é tan brusco que  a adaptación non é que sexa rápida, é “full speed”. Tanto que non hai airbag que ampare este golpe, e moito menos con garantías.

Estes días estamos aprendendo moitas leccións non buscadas nin desexadas. Unha delas é que non recoñecer os problemas non os evita, tan só os invisibiliza. A gravidade ven cando xa extendido comeza a estoupar e as canles de contención se ven desbordadas.

E unha das cuestións transversais que está a evidenciarse nestes días  é o elevado número de  persoas que viven en soidade, algo do que en Galicia, por desgraza, somos ben coñecedores e desde xa fai anos. E por desgraza moitas falecen en soidade en residencias de anciáns, sen que a súa xente poida sequera acompañalas no seu adeus.

I é que as solucións actuais de envellecemento pasan por fórmulas nas que a opción é ou vivir en modelos residenciais exclusivos para anciáns ou vivir nun modelo tradicional de vivenda, aínda que iso supoña facelo en soidade. Son poucas e privilexiadas as persoas que practican unha ancianidade activa e con canles de participación social suficientes dentro da súa comunidade.

Moitos expertos falan xa da “solo society” como unha das grandes pandemias do século XXI. E os efectos devastadores do virus que hoxe padecemos evidencian se cabe aínda máis as súas consecuencias. Non é un problema de anciáns de 80 anos…é a realidade de moita poboación, incluso nova, que está a pasar o confinamento aillada das súas propias familias, pero que nos casos dos maiores leva a unha situación de desamparo e vulnerabilidade brutal. Os baby boomers son as persoas solitarias do hoxe, pero os seus fillos e fillas somos e seremos aquelas do futuro inmediato.

E moitas desas persoas viven ou vivimos rodeados de veciñanza, pero en soidade. Conectados coa globalidade pero alleos da proximidade.

A nós, galegos e galegas que nos gusta unha verbena, que vivimos e nos relacionamos nas tascas, que adoramos compartir cafés, conversas e paseos, que somos de rúa e de mercado, de lonxa e de feira,… nós, en troques, aceptamos xa fai tempo mudar os nosos vínculos co comercio, co fogar, coa familia, con esa casa con leira, con ese barrio ou aldea na que todos e todas eramos “fillos e fillas de”. Confundimos modernidade con calidade de vida, obviando que non sempre van da man. Agora somos residentes, que non veciños ou veciñas, e isto basicamente porque vivimos onde podemos, e non sempre onde queremos.

É tempo de desmontar ideas, de darlle a volta.

Vivir en común non ten que reducirse a compartir tan só un portal de acceso, ridículos corredores comúns ou lóbregas garaxes. A soidade consciente, pero tamén a compartida, pide a berros unha resposta eficaz na promoción de edificacións que entendan no impulso do común a gran alternativa ás novas necesidades sociais, e en especial desa “solo society” que precisa recuperar as relacións humanas e a proximidade do común como unha das condicións máis básicas que nos definen e dignifican como persoas.

Espazos compartidos onde cociñar, lavar, conversar, cultivar, aprender, ensinar, traballar, ser asistido, ou incluso convidar… e onde os límites da privacidade e da interacción os decida cada persoa ou familia, participando do deseño das súas necesidades desde os inicios. Edificacións onde se democratice o acceso ás mellores vistas, ó mellor soleamento, á mellor ventilación…onde existan valores e obxectivos comúns que sexan os que guíen á comunidade, e onde o acceso a unha vivenda a  prezo asequible sexa garantida en todo momento. E o que é máis importante, onde ser maior non signifique vivir recluido nin apartado de nada, senón convivir con normalidade co resto da xente, aportando todo o coñecemento e experiencia de vida…

Non é un ensoñamento, é xa realidade en moitas cidades e vilas europeas. E como todo o que se enfronta ó común nace da extraordinaria valentía e pulo dunhas poucas persoas precursoras. Esas que, neste caso, se rebelan e loitan por facer do envellecemento activo pero tamén do acceso a unha vivenda un dereito real e non un privilexio.

Entendamos este momento como unha oportunidade única para repensar e redeseñar os nosos modelos de vida, eses que se teñen demostrado caducos e insuficientes.

A soidade non desexada, a diferenza do coronavirus,  sí ten solución e toca esixir do público pero tamén do noso propio pulo novos modelos habitacionais que resposten a esa demanda. 

Os tempos son chegados…e a garantía de éxito reside en nós e na forza do común. Sexamos quen de velo, xuntos.

María Pierres. Arquitecta.

https://www.pontevedraviva.com/opinion/5484/maria-pierres-solo-society-novos-modos-de-habitar/