Categorías
Artigos opinión Blog

«Solo society», novos modos de habitar.

A  nosa vida, tal como a entendíamos, parece estar hoxe en fóra de garantía.

Se durante anos vivimos gañando a batalla ás enfermidades que xurdían, desentrañando as súas complexidades, os seus misteriosos comportamentos, hoxe unha ameaza demasiado real nos leva pasos cara atrás e nos fai vítimas dun modo de vida que aparentemente se adaptaba  ó sistema, pero tal vez non tanto a nós.

É ben sabido que os cambios sociais non sempre levan as mesmas velocidades, e ultimamente o cambio é tan brusco que  a adaptación non é que sexa rápida, é “full speed”. Tanto que non hai airbag que ampare este golpe, e moito menos con garantías.

Estes días estamos aprendendo moitas leccións non buscadas nin desexadas. Unha delas é que non recoñecer os problemas non os evita, tan só os invisibiliza. A gravidade ven cando xa extendido comeza a estoupar e as canles de contención se ven desbordadas.

E unha das cuestións transversais que está a evidenciarse nestes días  é o elevado número de  persoas que viven en soidade, algo do que en Galicia, por desgraza, somos ben coñecedores e desde xa fai anos. E por desgraza moitas falecen en soidade en residencias de anciáns, sen que a súa xente poida sequera acompañalas no seu adeus.

I é que as solucións actuais de envellecemento pasan por fórmulas nas que a opción é ou vivir en modelos residenciais exclusivos para anciáns ou vivir nun modelo tradicional de vivenda, aínda que iso supoña facelo en soidade. Son poucas e privilexiadas as persoas que practican unha ancianidade activa e con canles de participación social suficientes dentro da súa comunidade.

Moitos expertos falan xa da “solo society” como unha das grandes pandemias do século XXI. E os efectos devastadores do virus que hoxe padecemos evidencian se cabe aínda máis as súas consecuencias. Non é un problema de anciáns de 80 anos…é a realidade de moita poboación, incluso nova, que está a pasar o confinamento aillada das súas propias familias, pero que nos casos dos maiores leva a unha situación de desamparo e vulnerabilidade brutal. Os baby boomers son as persoas solitarias do hoxe, pero os seus fillos e fillas somos e seremos aquelas do futuro inmediato.

E moitas desas persoas viven ou vivimos rodeados de veciñanza, pero en soidade. Conectados coa globalidade pero alleos da proximidade.

A nós, galegos e galegas que nos gusta unha verbena, que vivimos e nos relacionamos nas tascas, que adoramos compartir cafés, conversas e paseos, que somos de rúa e de mercado, de lonxa e de feira,… nós, en troques, aceptamos xa fai tempo mudar os nosos vínculos co comercio, co fogar, coa familia, con esa casa con leira, con ese barrio ou aldea na que todos e todas eramos “fillos e fillas de”. Confundimos modernidade con calidade de vida, obviando que non sempre van da man. Agora somos residentes, que non veciños ou veciñas, e isto basicamente porque vivimos onde podemos, e non sempre onde queremos.

É tempo de desmontar ideas, de darlle a volta.

Vivir en común non ten que reducirse a compartir tan só un portal de acceso, ridículos corredores comúns ou lóbregas garaxes. A soidade consciente, pero tamén a compartida, pide a berros unha resposta eficaz na promoción de edificacións que entendan no impulso do común a gran alternativa ás novas necesidades sociais, e en especial desa “solo society” que precisa recuperar as relacións humanas e a proximidade do común como unha das condicións máis básicas que nos definen e dignifican como persoas.

Espazos compartidos onde cociñar, lavar, conversar, cultivar, aprender, ensinar, traballar, ser asistido, ou incluso convidar… e onde os límites da privacidade e da interacción os decida cada persoa ou familia, participando do deseño das súas necesidades desde os inicios. Edificacións onde se democratice o acceso ás mellores vistas, ó mellor soleamento, á mellor ventilación…onde existan valores e obxectivos comúns que sexan os que guíen á comunidade, e onde o acceso a unha vivenda a  prezo asequible sexa garantida en todo momento. E o que é máis importante, onde ser maior non signifique vivir recluido nin apartado de nada, senón convivir con normalidade co resto da xente, aportando todo o coñecemento e experiencia de vida…

Non é un ensoñamento, é xa realidade en moitas cidades e vilas europeas. E como todo o que se enfronta ó común nace da extraordinaria valentía e pulo dunhas poucas persoas precursoras. Esas que, neste caso, se rebelan e loitan por facer do envellecemento activo pero tamén do acceso a unha vivenda un dereito real e non un privilexio.

Entendamos este momento como unha oportunidade única para repensar e redeseñar os nosos modelos de vida, eses que se teñen demostrado caducos e insuficientes.

A soidade non desexada, a diferenza do coronavirus,  sí ten solución e toca esixir do público pero tamén do noso propio pulo novos modelos habitacionais que resposten a esa demanda. 

Os tempos son chegados…e a garantía de éxito reside en nós e na forza do común. Sexamos quen de velo, xuntos.

María Pierres. Arquitecta.

https://www.pontevedraviva.com/opinion/5484/maria-pierres-solo-society-novos-modos-de-habitar/