Categorías
Artigos opinión Blog

Idadismo en tempos de coronavirus

idadismo defínese como a estereotipificación e discriminación contra persoas ou colectivos por motivos de idade. Considérase a terceira forma de discriminación en España por detrás do racismo e o sexismo. As persoas maiores son as que máis sofren este tipo de discriminación.

Pero… ¿non estaremos exaxerando? O idadismo atópase tan arraigado na nosa sociedade que pasa totalmente desapercibido.

Fagamos un sinxelo exercicio. Se pensamos nunha persoa maior ¿que imaxe nos ven á mente? Posiblemente unha imaxe repleta de estereotipos: fraxilidade, falta de autonomía, improdutividade, falta de credibilidade, etc. Considerar que o colectivo das persoas maiores é homoxéneo e ten un perfil determinado é idadista.

Cada persoa ten as súas características diferenciadas: hai maiores independentes, outros requiren axuda de terceiras persoas, maiores que viven en residencias, maiores que viven en soidade, maiores en parella, sedentarios, maiores que practican un envellecemento activo, que continúan participando activamente na sociedade, maiores heterosexuais, maiores LGTBI, maiores que son avós, e outros que non o son, maiores sexualmente activos, etc. Un listado interminable, e o único que poden ter en común estas persoas é que son maiores de 65 anos.

E a crise do coronavirus ten evidenciado aínda máis este idadismo. E para rematar de desenmascaralo poñamos algúns exemplos que podemos ver ou escoitar a cotío.

Nalgún momento desta crise sanitaria apareceu publicado que «no caso de colapso sanitario teríase que acudir a criterios de idade dos pacientes para acceder a determinados recursos asistenciais». Esta afirmación é totalmente idadista xa que supón unha discriminación por motivos de idade evidente e a privación dunha serie de dereitos esenciais como son o dereito á vida, o dereito a un trato digno e igualitario e o dereito á asistencia sanitaria. Pensemos agora nunha persoa maior accedendo a esta información… seguramente sentirá que a sociedade opina que a súa morte é un mal menor e que a súa vida non vale tanto como a doutras persoas que se atopan nun ciclo vital distinto ó seu.

Outro exemplo de idadismo sería a presenza nos medios dos casos de coronavirus nas residencias de persoas maiores.

O modelo actual dos centros residenciais amosou carencias previamente á crise. O persoal e as asociacións de familiares de residentes denunciaron publicamente incumprimentos de convenios, ratios de persoal escasas, etc. Carencias que non tiveron apenas repercusión mediática. Amosar día tras día o número de falecidos ou contaxiados nestes centros xera incerteza e desacougo nas persoas maiores que neles residen, nos seus familiares e incluso nas persoas maiores que se atopan nos seus domicilios. É certo que o modelo actual require unha revisión a fondo, pero vitimizar ó colectivo de residentes é unha forma de discriminación, xa que redunda no estereotipo de fraxilidade e falta de autonomía.

Por outra parte, o bombardeo de mensaxes negativas sobre a esperanza de vida destas persoas xera un forte impacto emocional, afectivo e psicolóxico.

E dito isto…¿como podemos loitar contra o idadismo?

En primeiro lugar, mudando a idea de «persoa maior» que a sociedade e a cultura nos ten imposto e superar os estereotipos que inflúen negativamente no cumprimento dos seus dereitos como persoas.

En segundo lugar, buscando alternativas ós recursos para maiores xa existentes.

O informe HelpAge Internacional España relativo á discriminación por razón de idade (IMSERSO, 2019) inclúe como recomendación: «ofrecer fórmulas residenciais distintas as actuais formas de institucionalización (vivendas interxeracionais, cohousing, etc.)».

Poñámonos en marcha e busquemos esas novas formas de convivencia. E o máis importante, reivindiquemos a voz das persoas maiores, que participen na toma de decisións, xa que é o colectivo máis afectado por esta crise. As súas aportacións son valiosas, escoitémolos.

Imaxinemos como sería se hoxe foramos persoas maiores e mudemos as cousas. Porque todos seremos maiores, loitemos contra o idadismo.

Victoria Abadía Calpena

https://www.pontevedraviva.com/opinion/5517/idadismo-tempos-coronavirus-victoria-abadia-calpena/